14 noviembre 2010

Entrevista | Manuel maneiro castro secretario xeral da Asociación galega de mariscadores (agamar)


:lvg: | 14/11/2010
«O marisqueo a pé perdeu uns 5.000 postos de traballo en doce anos»
Para o dirixente do colectivo, o sector está pasando un mal momento debido á crise da que pode saír con moito traballo e esforzo, pero sobre todo coa unión


Vive por e para o mar. Manuel Maneiro Castro ten 39 anos. Naceu na Pobra e dirixe a confraría da localidade dende hai once anos. Afiliado á Asociación Galega de Mariscadores (Agamar) dende a súa fundación, é o seu secretario xeral dende hai uns cinco meses. Desempeñou o cargo de vicesecretario nos últimos catro anos.

-¿Cantos socios ten a asociación Agamar?
-Nestes momentos contamos cuns 3.000 socios entre mariscadores de a pé, a flote e mariñeiros e armadores de pesca artesanal. Tamén contamos cunha representación de redeiras bastante importante.

-¿Cales son os obxectivos principais deste colectivo?
-Esta asociación naceu no ano 1998 debido aos grandes problemas que había no marisqueo. A xente que pertencía ao colectivo de a pé estaba moi mal informada e tamén había moito machismo, pois os homes eran os que dirixían as confrarías e as agrupacións. A nosa intención era moi clara: Preparar ao sector para o século XXI.

-¿Que problemas había naquela época?
-O principal era a pouca información dos traballadores. Non podemos esquecer que o 90% da xente que traballaba no marisqueo a pé eran mulleres que ademais das súas actividades profesionais tiñan que conciliar o seu traballo coa vida familiar. Non tiñan tempo para nada, nin para informarse nin para ir collendo responsabilidades. Pouco a pouco foise conseguindo e hoxe en día xa participan nos órganos de responsabilidade das agrupacións.

-¿Cal foi o papel de Agamar neste sentido?
-O primeiro que nos propuxemos foi axudarlles a clarificar todas aquelas cuestións legais relacionadas coas normas de traballo e tamén resolver os seus problemas.

-¿Como está o marisqueo na actualidade?
-Nestes momentos está pasando unha etapa difícil. No ano 1998 había uns 9.000 produtores de a pé e hoxe quedan sobre 4.000. O marisqueo a pé perdeu 5.000 postos de traballo en doce anos. Iso quere dicir que algo pasou e por iso temos que recuperar a esa xente.

-¿Que cree que hai que facer para relanzar o marisqueo?
-Antes de nada, buscar unhas liñas de actuación para mellorar o sector.

-¿Porque baixou tanto?
-Esta actividade ten que levar unhas liñas paralelas de conservación e mantemento. Tamén está o perigo da contaminación que está afectando moito.

-¿Cales son as principais queixas do sector?
-Moitos non saben cales son os seus dereitos e obrigas e en especial as mulleres, pois teñen dous traballos, o da casa e o do mar, e claro, hai conflitos e asoballo por parte dalgúns dirixentes que intentan aproveitarse.

-¿Que lle piden os socios nestes casos?
-Normalmente o que nos piden é transparencia e información por parte das agrupacións e confrarías ás que pertencen.

-¿Cal sería o modelo idóneo para traballar?
-Creo que antes de nada habería que facer un estudio para ver as necesidades do sector marisqueiro e actuar en consecuencia, e a partir de aí buscar fórmulas que beneficien a todos os traballadores e, ao mesmo tempo, que poidan aumentar os seus ingresos.

Relacionadas
«É fundamental estar informado para saber o que pasa e poder reclamar»
«Nalgúns portos apenas sacan para pagar a Seguridade Social»
«Os socios son o patrimonio máis importante das confrarías»

0 comentarios: