09 junio 2015

Remata a escavación que deixou á vista a dobre muralla defensiva do castro de Baroña

Máis información: http://www.crtvg.es/- (08/06/2015)


Rematou a última escavación arqueolóxica no castro de Baroña, en Porto do Son, que sacou á luz a primeira muralla que se construíu. Tamén se atopou unha escaleira con chanzos compensados. O director da escavación considera que os traballos de restauración lle deron ao castro unha maior monumentalidade.

É a imaxe do castro de Baroña tras a última escavación arqueolóxica.  Os traballos de restauración remataron a semana pasada e deixan algunhas vistas inéditas, coma este foso en que os arqueólogos sinalan as marcas das rodadas dos carros. Pero, a obra principal de restauración foi sacar á luz a primeira muralla que se construíu no castro.

"É a primeira muralla que se construíu cun sistema moi interesante, en chanzos, ten uns seis metros. Temos unha secuencia de sedimento de terra da que tomamos mostras e esperamos poder datar o sistema defensivo e a súa evolución". Outro dos achados é unha escaleira dobre con banzos compensados. Os tres anos de traballo no castro deixan á vista as dúas murallas, pero os arqueólogos consideran que queda moito que facer e moitas preguntas por responder.

"Non están previstas novas escavacións. Habería que continuar con toda a muralla, polo sector onde o xacemento está bastante enmascarado coas antigas restauracións e, en principio, habería que escavar todo ese sector". As primeiras escavacións en Baroña fixéronse hai oitenta anos. A diario visítano excursións de turistas e escolares. Durante a última Semana Santa, máis de catro mil persoas pasaron polo centro de información.

0 comentarios: